Friday 03 de May de 2024

O concello de Ribeira presenta a feira artesanal e mariñeira Artemar


Unha nova edición da feira artesanal e mariñeira Artemar volve ás rúas da cidade do 17 ao 20 de agosto para animar e dinamizar o verán no municipio.

O evento contará con postos de venda de artesanía e espectáculos culturais. A feira estenderase ao longo das zonas peonís facendo un percorrido integrado polas rúas de Galicia, Rosalía de Castro, Rúa Santa Uxía, Porta do Sol e Praza do Concello. Nestas localizacións haberá postos venda de produtos de alimentación e artesanía, así como tamén talleres demostrativos de oficios como o das redeiras, actividades infantís e contacontos.

“É preciso potenciar os productos do noso mar como o lirio ou a sardiña, aqueles que pescamos cos nosos barcos a diario” afirmou Fernando Abraldes, concelleiro delegado da área de Mar. Pola súa parte, Francisco Suárez-Puerta, concelleiro de Turismo e Festexos explica que o evento “pretende ofrecer unha alternativa máis de ocio aos ribeirenses e atraer visitantes ao municipio cunha feira temática que favoreza ao comercio e hostalaría local.”

Durante a feira mariñeira celebraranse espectáculos nocturnos na Praza do Concello, contando coa implicación de asociacións e artistas locais. O peche da feira será o domingo 20 cun sorteo ás nove e media na praza do Concello e o conxuro da Queimada, con degustación gratuíta ata esgotar existencias.

“Atendendo ás demandas de anos anteriores, os días 17, 18, 19 e 20, restrinxirase a circulación de vehículos só de 12:00 a 14:00 e de 20:00 a 22:00. Nas restantes horas permitirase o tráfico para que os veciños e veciñas que viven nas rúas afectadas poidan acceder ás súas vivendas e garaxes.” aclarou o alcalde Luís Pérez.